Con Fío en Galicia. A Historia da moda Galega

Con Fío en Galicia. A Historia da moda Galega

, 29 de enero de 2016

Estamos ante un evento imprescindible para o amante da moda e o deseño téxtil pero, non só iso, o aliciente e o atractivo é moito maior debido á localización deste acontecemento. O día 11 de marzo, no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela (xa podemos dicir que os 400 millóns de euros que custou serven para algo), terá lugar unha ambiciosa exposición sobre a moda e o deseño téxtil en Galicia. Un percorrido pola historia da moda que, de forma ampla, mostra os logros dunha industria significativa e puxante na nosa comunidade.

Atopámonos nun momento no que a moda precisa dun empurrón para volver a reverdecer os loureiros e recobrar o prestixio logrado a nivel internacional non hai moito tempo. O lapso temporal abarcado é moi amplo; verase esta tradicional actividade galega dende practicamente o Neolítico ata os nosos días. Un intervalo enorme, que será tratado de forma minuciosa cunha perspectiva científica e arqueolóxica. Atoparemos reconstrucións de técnicas e métodos de creación e produción e, por suposto, de indumentarias. Daremos un paseo pola evolución da moda, dende as formas máis tradicionais ata chegar ás últimas tendencias máis innovadoras. Só por isto, xa sería algo moi interesante para metelo na axenda das nosas posibles actividades de ocio.

O momento máis rechamante, será o da eclosión da moda galega como marca recoñecida internacionalmente na década dos oitenta. Nesas datas apareceron firmas tan relevantes que xa son parte da nosa bagaxe cultural como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Antonio Pernas, Florentino ou Kina Fernández; creadores imprescindibles neste sector que firmaron co seu estilo propio, diferenciado e definido e que son a referencia das novas xeracións de deseñadores que surxiron despois e que definen a marca “Galicia”. A exposición pretende homenaxear e honrar esta parte da nosa cultura e, en definitiva, relanzar a moda galega após a súa crise e a súa repercusión na diminución do número de postos de traballo xerados por este sector. Un impulso que volva a traernos eses momentos tan brillantes da historia comercial do sector, e traia novos brotes de esperanza para encarar o futuro cun sorriso.

 

AÑADIR COMENTARIO