Vikingos estrea a sua cuarta tempada con un documental sobre Galicia

Vikingos estrea a sua cuarta tempada con un documental sobre Galicia

, 20 de febrero de 2016

Aínda a risco de semellar sectario direi que estou namorado dun pequeno lugar chamado Galicia. Será cousa da auga, da súa xente, a súa gastronomía, a súa música, as súas máxicas paisaxes, a súa insularidade forzada; do seu idioma e ese vocabulario místico co que cada trazo da nosa cultura vese debuxado no plano das palabras.
Podería continuar co listado de cousas que me enganchan a esta terra e que no seu día me obrigaron a volver do estranxeiro. Se tivese que abandonar o meu fogar de xeito voluntario tan só Escocia, Irlanda, e se cadra, a Bretaña Francesa poderían calmar a miña morriña.
Sómosche un grande descoñecido para o mundo a pesares do Camiño de Santiago. Todos coñecen a nosa terra pero poucos a descobren. Pena para o turismo e, ó mesmo tempo, un factor que permitiu conservar no tempo a nosa cultura e identidade, de atrocidades urbanísticas e demais bizarrismos políticos.
Pero tal vez évos unha nota negativa, xa que este isolacionismo, non so físico e cultural, supón unha desvantaxe competitiva á hora de exportar o talento que habita no noso lar. Ós poucos, imos superando ese medo primario ó novo, a abrirnos ó mundo. Paseniño, ilustres cociñeiros, artistas, empresarios e emprendedores vencen eses lastres levando as nosas paisaxes, costumes e historia ó lugar que merecen.
Neste exercicio de apertura ó mundo, Take 5, produtora da archicoñecida serie histórica “Vikingos”, puxo a súa atención aquí, no fogar de Breogán. O motivo non é que teñan argallado atracar os Drakkars en Muxía ou facer saqueos en San Caetano. Tampouco teñen na mente pasearse polas Cies para promoción da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. Non; esquecédeo. Que o noso licor café évos rico, rico; seguro. Que os nosos viños son un elixir da felicidade, tampouco o dubida ninguén, pero no que esta produtora canadense viu un filón en Galicia é algo moito más importante: A súa historia; o seu patrimonio.
Coincidindo co estreo o vindeiro 18 de este mes da cuarta tempada de Vikingos, vanse proxectar de xeito paralelo dentro do canal History Channel unha serie de documentais sobre os “raids” que estes feros guerreiros levaron a cabo polas nosas costas ate chegar á mesmísima Italia. O que a priori ían ser so unhas capturas de emprazamentos en Galicia, relacionadas co mundo Vikingo, coma por exemplo Catoira, convertéronse nun capítulo enteiro adicado exclusivamente ás lembranzas que estes deixaron ó seu paso polas nosas terras. É evidente que non viñeron de turismo.
Por todo elo e durante extenuantes xornadas de gravación, Take 5 captou a esencia da nosa terra ó descubrir enclaves máxicos da Costa da Morte ou a Mariña Luguesa sen esquecer a antes nomeada Catoira. Espazos naturais cargados de lenda, pobos do noso pasado pertencentes á tradición oral. Todo isto permitiu ós rapaces de History Channel decatarse do “importante” descubrimento que tiñan ante os seus ollos.
Axiña, millóns de fieis seareiros de Ragnar Lothbrok poderán descubrir que Galicia é algo máis que un lugar de peregrinación, é todo un pais cheo de maxia e xentes desexosas de compartir historias ó quencer dunha lareira e con unha cunca de viño de Barrantes namentres curtamos un pouco de “tetilla” e chourizo da casa.

.

AÑADIR COMENTARIO