Media crítica para medio disco de Quempallou

Media crítica para medio disco de Quempallou

, 8 de abril de 2016

Iamos agardar por ter tres partes (cuarteiróns) e facer cuarto e metade de crítica, pero media reseña é unha boa medida para irnos achegando ó novo de Quempallou.

O novo traballo de Quempallou adáptase ós tempos que nos toca vivir; xa que están sacando en fascículos o seu traballo. Irán lanzando cuartos de disco ó longo de todo o ano ate xuntar todo o material nunha edición física, da que aínda non temos data definida pero contan con que vexa a luz para o cuarto trimestre.

De este xeito temos os Quarteiróns que dan nome ó novo disco. Nesta reseña imos ver os dous primeiros, xa dispoñibles para a escoita dixital totalmente de balde.

En “Folión e sega” recuperan as costumes das romarías clásicas cunha muiñeira acompañada de pandeirada que se silencia para botar uns aturuxos e uns versos sobre a sega e a forma de vida clásica. Un tema potente e labrado nas raíces máis profundas.

En Fandango da lagarteira aparece a onda “xitana” cun toque máxico de guitarra que se fusiona con violín e os bucles maís tradicionais dando lugar a unha peza que encantará tanto os amantes da tradición musical galega coma os fans do Jazz estilo Django Reinhardt.

Tocará bulir e danzar coma malditos no corte “A Maturrangaina” un tema con letra divertida e ritmos acelerados que recorren as bases do que é o actual Ska.

Xa entrando no seguinte “Quarteirón”voltamos ás raíces da música tradicional con “Pateados da Paínza e do Verdexo”, un canto de tradición celta que mistura á clásica repetición de bucle nos versos propios de Galicia cun aire musical que nos transporta a terras bretonas na súa música coa inclusión de ritmos folk de onda irlandesa e instrumentos como a frauta, a guitarra e o acordeón.

En “Muiñeira do Gaiteiro” volta o protagonismo da gaita galega, un tema pegadizo e sinxelo que aspira a permanecer como novo clásico, e rematamos con “E ti que tes”un tema “flipante” que comeza na onda do Jazz dos anos 40 e nos fala do consumo e a envexa. O tema pártese na súa base rítmica cando termina o verso dando paso a unha sección con contrapunto absolutamente fresca e sorprendente, acompañada de flauta, unha onda que nos lembra a estilos completamente afastados do de Quempallou, máis propios de xéneros como Drum n’ Bass pero que funciona dun modo máxico para así desembocar nunha orxía de gaita e pandeiro que eleva a vibración e nos transporta a outro mundo; aceleración final a ver quen lles sigue o ritmo e fin de festa. Unha lección maxistral.

Se te gosta a música tradicional de Galicia este disco debería estar xa entre os teus favoritos; se non es moi fan de este movemento musical recomendaría que escoitases: Fandango da Lagarteira, A Maturrangaina i E ti que Tes (esta última impresionante) e despois falamos outra vez.

Temos unha cita dentro de uns meses cos dous Quarteiróns que faltan por saír; despois de escoitar estes dous primeiros a espera vai ser longa. Quen mo ía a dicir!
.

AÑADIR COMENTARIO