Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta e oito nomes do inimigo

Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta e oito nomes do inimigo

, 20 de abril de 2016

Malandrómeda é Hevi e alguén máis. Xa falamos deles na Anti-Entrevista, pero por cousas que pasan non falamos moito dos novos discos. Así que aquí vai. Xa sabedes, como alcalde voso que son vos debo unha explicación, e esa explicación que vos debo, vola vou pagar, porque como alcalde voso que son…etc….etc….

Tras facer media crítica do medio disco de Quempallou, agora facemos unha doble para os dous discos de Malandrómeda tras cinco anos de silencio. Os corenta e oito nomes do inimigo e Cada can que lamba o seu carallo. Cortos, directos, eficaces. Como debe ser un título dun disco. Os que xa coñezades ó dúo dinámico xa sabedes de que vai a cousa. Lendas vivas da música galega. Pioneiros do rap en galego. Letras doces e amargas a un tempo. Bases de música cunha produción exquisita e a voz de Hevi disparando versos con gheada, dramatismo e efectos especiais e espaciais. A gran virtude que teñen é facer que o público sexa cómplice do que escoita, falarlle no idioma que domina, con situacións que coñece e que fan que a xente se identifique completamente. Malandrómeda somos todos nós, os que sufren de desamor, os que van de pinchos polo casco vello, os que teñen comida familiar, os que invitan a unha rolda, os que falan con gheada e non os entenden en Madrid, os que ven como os políticos afunden Compostela e mexan por nós. Así hai que entender estos discos.

Os corenta e oito nomes do inimigo, (título feito para que o que o escriba sufra…) son once cancións grabadas con cariño e moita paranoia. Chegar e encher, con ritmo de percusión e coros de soul. Encontro con $%&&&% (perdón pola ortografía…), unha lección maxistral facendo rimas cos efectos especiais inventando o idioma do planeta Malandrómeda. VHS do futuro, o primeiro single con base moi bailable, totalmente depresivo. Pelegrín, un grito contra a morte da festa en Compostela. En fin, unha colección de retratos e pensamentos ó borde da depresión e pantasmas que teñen que saír para se curar. Cheira a cuncas de viño, a chuvia e xoves de estudiantes en Santiago.

Que cada can lamba o seu carallo é todavía mellor. Só por ter Que prea! e poder escoitar como a xente fai os coros en directo xa merece a pena. Ademáis a tristeza dos Calcetíns de Drácula, a inquietante música de Osborne, a cumbia malandra, e así ata dez cancións a cada cal máis bailable. Ningunha deixa indiferente, todas aportan o seu pequeno pensamento de taberna, un coro machacón, un ritmo clásico, un efecto que fai saír o sorriso cómplice.

Malandrómeda é Hevi, esta vez sen Caldeirada pero co Master do Son. Esta vez os discos saen editados por Matapadre, xente que sacan pouca cousa pero de moita calidade. E podedes escoitalos no Soundcloud de Matapadre. Pero tamén podedes comprar os vinilos, non me sexades da virxe do puño. Os discos son bos, chamados a ser clásicos da música galega, nada falta e nada sobra. E si, xa saíron alá por febreiro. Somos do peor…

AÑADIR COMENTARIO