Malandrómeda presentan concerto con Festa Gastronómica e videoclip

Malandrómeda presentan concerto con Festa Gastronómica e videoclip

, 11 de mayo de 2016

Que mellor que unha paparota antes dun concerto. O Sr. Hevi, master&comander de Malandrómeda, organiza un evento gastronómico o xoves no Resas, previo ó concerto do sábado na Sala Malatesta. Somos galegos e se nos conquista polo bandullo.

Xa está todo dito. Hevi ós mandos do fogón do Resas, preparará 3 pratos 3 da cociña malandrómica para comer coas mans. De paso farán festa co propio Hevi, Master do Son (Malandrómeda) e Pablo Electrocute. Xa tamén de paso haberá sorteo de entradas para o concerto do sábado. E xa de paso enches o bandullo, botas uns bailes e tes todo o venres para descansar. O Hevi, home do renacemento, como eles din, mestre do hip hop, ayatollah da cociña, sultán do ritmo, é capaz de iso e moito máis.

A verdade é que o marketing malandrómico funciona. Xa cando presentaran os discos “Cada can que lamba o seu carallo” e “Os corenta e oito nomes do inimigo” cun evento chamado “De chea con Malandrómeda“, percorreron a cuncas de viños os garitos máis enxebres de Compostela. 14 bares 14, tocando os temas en cada un deles. Que doado é facer amigos así…

A Presentación Gastronómica da VIII Festa Malandrómica está preparada. Se non os coñecedes aínda non sei a que agardades. Oportunidade única, que xa o sábado estarán Urro e os propios Malandrómeda repartindo na Malatesta.

E ademais tamen temos vídeo de estrea; directo desde “Cada can que lamba o seu carallo” o novo single “Bótalle caldo”. Qué ben argallan as cousas os rapaces de Malandrómeda!
.

AÑADIR COMENTARIO