Raiba, novo disco cheo de Raiba

Raiba, novo disco cheo de Raiba

, 19 de mayo de 2016

Cinco cancións cheas de reivindicación, loita e forza. Gravado en Pousada Son Estudios por Raiba e que van presentar o día 19, xoves, na Sala Capitol de Compostela no festival Terra de Lobos xunto a Aspergilus de Coira e Desequilibrio Mental. Un festival en galego para a semana das Letras Galegas.

Cinco temas de pura forza forman o EP Historias na Pel. Son cinco berros de raiba chamados Teñen medo, Fartos, Historias na Pel, Esta Terra e Baroña Son. Xa cos títulos poidedes adiviñar a intención. Historias de loita e sacrificio pola terra, e contra os políticos que están no poder e arruínan Galicia. Todo contado a ritmo de punk rápido e frenético.

O son non está mal, as guitarras potentes e afiadas pero no seu sitio. Quizais o problema sexa o baixo, pouco presente excepto nas pasaxes en que fai slap, aí nótase ben, pero no resto da gravación está moi escondido. A batería a piñón, coma unha apisoadora. A voz vai perfecta, clara e xogando ás veces a ser máis gutural, coa mensaxe ben falada, que é o importante cando hai tanto que dicir. Haberá que ver en directo se son capaces de defender as cancións de igual maneira. Especial a canción Historias na Pel, onde a cantante Brétema fai os coros e remata cantando a parte final.

É difícil facer certas cousas ben. A produción é moi coidada, nas mans de Iago Pico, e en grupos que van ó ská e o punk a calidade en xeral é sacrificada en prol da actitude e da forza. Non é este o caso, onde a gravación e nítida, sen a sucidade típica das bandas punk.

Ó ser un EP se queda coma unha mostra do traballo do grupo e carta de presentación. A verdade é que ten pinta de ser grupo de directo e trataremos de velos sobre un escenario. Non volos perdades na Capitol. Promete ser interesante. Por certo, que o disco está en youtube, para que o escoitedes.

.

AÑADIR COMENTARIO