Arrhythmia, o power trío de Lugo presenta o seu segundo disco…II…claro.

Arrhythmia, o power trío de Lugo presenta o seu segundo disco…II…claro.

, 3 de junio de 2016

Son de Lugo, cantan en galego e veñen de presentar II, o seu segundo disco tras III…¿?…eu que sei, a xente ten estudos e saben contar cara atrás sen problema….O sábado estarán no OurenRock Sound en Bemposta, así que hai oportunidade de ver o material novo en festival.Gravado en Master Key Estudios e etiquetado coma hard rock, stoner, e incluso bravú. Non ten nada de bravú ou stoner, e están cun pé no metal. O disco son 8 temas 8 ben fiados. Comenzan con Orixe, instrumental, e rematan con Morte e con Resurrección, outra instrumental con toques de western, moi orixinal. Letras en galego, como xa dixemos, e moi guerrilleiras. Tras Orixe ven Tan só notas, falando da música como vía de escape i expresión, despois Mensaxe, sobre a desinformación dos medios de comunicación, Mil xeitos, sobre a desesperanza da xente no día a día, O pasado non é unha opción, sobre a forma de lembrar o pasado dende o punto de vista da política imperante, Onde todo empeza, e as xa obvias Morte e Resurrección.

No disco destaca o ben feito e o ben que está tratado en todos os aspectos. Montón de arranxos nas voces e os coros, que funcionan moi ben. Ademais as guitarras, sempre presentes e múltiples, sen facer solos astronómicos, pero enormes e potentes en todo momento. O traballo de baixo e batería perfecto, e ten pinta de ser difícil con cortes e paradas. As cancións teñen todas bo ritmo, destacar Mil Xeitos con eses coros ó principio e o ritmo case discotequeiro nun tema tan obscuro.

O xogo das voces ten un peso grande no grupo e pode ser, xunto ó feito de ser trío, o maior problema en directo. Haberá que ver como fan para defenderse nun escenario e facer tantas guitarras e coros. E as voces tan cambiantes, de berros a ser gutural ou coros. Supoño que levarán samplers ou bases gravadas, pero se conseguen en vivo a potencia do disco poden ser un grupo a ter en conta. Por outra banda chama a atención que algunhas voces teñan esa xuventude que choca un pouco co tipo de música da banda, que tira a ser máis de uso de voz grave e gutural. Como que quedan un pouco fóra de sitio nunha produción tan coidada.

Mención aparte o deseño gráfico. A portada xenial, e o libreto do CD cun círculo feito cos títulos das cancións e a letra da cada tema no interior. Moi orixinal a idea.

En definitiva bo disco, letras en galego, boas intencións, a banda tocará en varios festivais no verán como o de Ourense, o Why not here Fest de Foz ou o Peneda Rock. Deixámosvos o enlace ó EP de adianto que sacou a banda con dúas cancións do disco II.

AÑADIR COMENTARIO