Nada que perder con Rosa Cedrón.

Nada que perder con Rosa Cedrón.

, 4 de julio de 2016

Se fose presidente da comunidade de veciños proporía nomear a Rosa Cedrón como embaixadora de boa vontade para as reunións veciñais. Unha especie de casco azul para amansar ás feras separatistas que alagan os bloques urbanos das nosas cidades. Complicada tarefa, tal vez atopásemos mellor fortuna e mesmo chegariamos a ter unha maioría absoluta sen millóns de abstencións, se Rosa Cedrón fose a voz de Galicia, a voz coa que nos presentásemos ante o mundo. ¿Ola k ase? Soaría mesmo solemne con ela. Estamos aquí para falar de “Nada que perder” o novo disco de Rosa Cedrón.

Un désert dans tes mains ou o que é o mesmo, “Un deserto nas túas mans” – Moita area que varrer se fose a TVG- é o primeiro corte deste álbum. Unha peza onde se mestura a electrónica estilo Radiohead con instrumentos clásicos e unha voz que se adapta á perfección ao novo rexistro. Atópome desconcertado, non o esperaba, a verdade.

Non serei eu lévanos a unha peza de piano con arranxos de corda en verdade preciosa. Enya correndo polos meus sentidos. Ábrese a xanela mentres notas como a túa cama levita a través dela elevándose no ceo, deixando atrás vales e ríos. Galicia desde o alto. Bonita imaxe. A voz nesta peza ocupa un lugar secundario, un perfecto pano de fondo á melodía que tecen os demais compañeiros de viaxe.

Promises toma o relevo da primeira canción. Volvemos introducir electrónica creando un ambiente que me suxire estar a contemplar o fondo das rías galegas. Entre bateas, galeóns afundidos e naufraxios, mergullo en busca dunha promesa, un cofre do tesouro ou unha serea.

Seréname, (nada que ver con Serenade dos nefandos Dover) é un tema que continúa coa procura dun espazo propio pero máis terreal. Aquí a voz de Rosa latexa con forza.

Sablier comeza coma un alalá. Cambiamos ó francés do mesmo xeito que no primeiro tema. É un tema máis próximo, doce, quedo. O sol espértache de mañá no medio da cama mentres os teus fillos asaltan o barco pirata en que converteu a túa habitación.

Benditas feridas mantén esa ladaíña do piano tan emotiva. Outro tema que nos suxeita ao mundo lembrando tempos pasados pero con medio sorriso na cara. Tema sosegado, para un café, amodo.

Red velvet sacódenos novamente. Rompemos moldes. Volvemos á carga. Sen saltos melódicos a liña do tema mantense nunha calma que perfectamente podería acompañarte nunha zona de Chill Out ou por un paseo na beira dunha praia galega mentres se pon o sol.

The seagulls dance é un tema perfecto para as Cíes. A danza das gaivotas, ver como esas fermosas “ratiñas do aire” abalánzanse sobre a túa bolsa de “patatillas” ao son desta canción cobra outro magnitude. Case case, ata sería épico. Fora bromas, escoitando este tema vinme no medio dunha película costumista do rural galego de principios do século XX.

Lía soños sitúanos ante a mirada dunha Rosa máis de raíces pero sen perder ese aire fresco que alaga Nada que perder. A sua voz lévate voando, axítate como as ondas golpeando unha barca no medio da ría.

A túa liberdade vai mostrando o fin do camiño. Outro tema que se manexa nuns tempos contidos, Rosa en estado puro. Precioso. Remata Nada que perder cun bonus track titulado Non serei eu. Volve coller protagonismo o piano. Do mesmo xeito que ocorre na túa liberdade atopámonos ante unha peza magnífica, épica se me apuras. Pode, se te pilla nun momento frouxo, empapar os teus ollos de ledicia.

Gravado e mesturado en Nakra estudios baixo o paraugas de Warner Music, Nada que perder explora as emocións humanas cun son máis próximo as músicas do mundo sen tampouco pórse faixas.

Pode gostarche poñelo todo ou poñer unha das partes. Calquera que sexa a túa opinión gustarache e merecerá moito a pena adicarlle un lugar de honra na discografía da República independente da tua casa. Enjoy.
.

AÑADIR COMENTARIO