De Volta ó Rural (Webserie) ou como sobrevivir á vila da avoa

De Volta ó Rural (Webserie) ou como sobrevivir á vila da avoa

, 5 de julio de 2016

A Galicia rural segue a inspirar a moitos dos noso artistas; pero especialmente ás webseries. Desta volta traémosvos unha serie de dúas rapazas modernas de cidade que tratan de sobrevivir nun entorno rústico por necesidade.

De volta ó rural trata dunha das realidades mais palpables da actualidade. Moita xente opta por liscar á vila dos avós cando a crise aperta e quedan sen recursos. A adaptación a este medio non sempre é doada xa que o choque cultural é grande e os urbanistas non levan ben a vida de labregos, alo menos ó principio (unha vez adaptados xa non queren volver á cidade, e non me estraña).

Considero que a primeira tempada de De Volta ó Rural ten bastantes problemas técnicos (especialmente no son), e soamente son 3 episodios, así que vos recomendo empezar a ver a segunda directamente e xa vos fago eu un breve resumo do necesario para que non vos perdades co argumento:

As nosas protagonistas son dúas rapazas de cidade do máis cool (Belén Bouzas [tamén directora da serie] e Leonor Sangabriel). Unha delas leva un roio Zen e a outro é mais festeira. Un bo día espértanse pola mañá e se decatan de que xa non lles quedan cartos para o alugamento. Sen traballo, coa que está caendo e sen outros recursos á sua disposición, deciden marchar á vila para a casa da avoa dunha de elas a ver se as acolle e lles da algo de comer.

Unha vez alí, descobren que a avoa morreu por mor dun ataque de xabarín, e que na sua casa so quedan un tío avó que está coma unha regadeira e un curmán do Brasil que vive infiltrado roubando galiñas, ovos e o necesario para sobrevivir malamente. O obxectivo das nosas protagonistas pasará a ser aprender a vivir no rural, conseguir comida e adaptarse a un mundo que lles é totalmente descoñecido.

E aquí e onde comeza a segunda tempada; a que hai que ver. Nesta empezaremos vendo as dificultades que atravesan as dúas rapazas para aprender os traballos do campo. Buscarán un mestre que as ensine a conseguir os seus obxectivos e terán que pasar por un duro adestramento, que a sua nova e misteriosa mestra lles porá nas condicións mais extremas.

Unha serie interesante sobre un tema que nos encanta (a vida rural de Galicia levada ó terreo do humor absurdo). Unha historia que continúa en cada episodio, con bos detalles en forma de gags, que basea todo o seu peso na química existente entre as dúas protagonistas, que xa veñen de adicarse ó humor e os monólogos teatrais e se nota na naturalidade coa que afrontan cada escena. A historia non pasará os anais do audiovisual galego pero resulta bastante entretida. Mención especial a “Sachar en tempos revoltos” e acuñamos novo termo para o noso rico idioma: Metawebserie, xa que en Volta ó Rural todo o mundo segue unha serie de ficción dentro da serie, que co seu humor recorrente convenceunos totalmente dende a sua primeira aparición.

.

A serie foi rodada en Pontevedra, na vila de Cerdedo, producida por Audiobeesual, conta con cameos estelares de xente como Víctor Fabregas (ex de Tonechos), Machi Salgado, Rafa Dominguez, Avelino González, Mariña Rio, Nuria Gullon e a participación no plano musical de Os vacalouras.

Á marxe de que a webserie vos goste, animámosvos a visitar o rural, e incluso a mudarvos aló, sexa onde sexa, porque a verdade é que non se está nada mal.

AÑADIR COMENTARIO