Blues do País, Ruta 120 con gheada…

Blues do País, Ruta 120 con gheada…

, 10 de agosto de 2016

O dúo dinámico do blues galego en galego ven de sacar novo traballo discográfico. Ruta 120, pequena referencia ó blues de estrada e á nacional 120 que vertebrou Galicia antes da chegada das autoestradas de pago. Here we go….

Un feixe de temas propios e moitas versións galeguizadas de clásicos americanos, como Marcos do Ceo (Stairway to heaven), Fuches tu! (I feel good) ou Os zocos son pra andare (These boots are made for walking), entre outras. Ademais da impagable versión blues do megahit galego O Tren de Andrés do Barro. Letras “costumbristas” como lles chaman os entendidos e cargadas de retranca, que falan das cousas de cada día, como mover os marcos, cagar no palleiro, namorarse, andar de troula, que a muller se te vaia co home do lixo, a xente da raia ou a festa do San Martiño. Todo moi da zona. 15 cancións 15 incluíndo un par de extras, todo tratado coma diálogos entre a cantante (A Diva Bieitta James) e o músico (O Pepe King) que tocan nas festas galegas e viven no camiño percorrendo vilas en festas. A música é blues clásico e algún soul ou ryhtm’n’blues como Diva e Bluesmanciño. Moita guitarra, slide e harmónica de base, con arranxos de baixo, e ventos cando o pide a canción.

Estupendo traballo da voz de Iseo Agilda e as guitarras e harmónicas de Brais. Ademais agora levan banda, así que podemos escoitar os temas en toda a súa plenitude en directo.

Andan de xira galega este par de galegos, ela ourensán de adopción e el picheleiro e compoñente de Sacha na Horta, así que se os atopan no campo da festa non os perdan, paga a pena escoitalos, cantar con eles e darlle corda á retranca e o bo humor.

Alá vai o disco novo, e se non os coñecías sempre podes botarlle un ollo ós anteriores no mesmo bandcamp.

AÑADIR COMENTARIO