NAO, dous discos para Soñar e Crear

NAO, dous discos para Soñar e Crear

, 11 de agosto de 2016

Un disco con dúas partes ben diferenciadas. Cheo de forza e boas letras para os amantes do rock social e con novos experimentos sonoros que expanden a sua oferta musical.

Comezamos con Soñar: O sol e a treboada, tema co que se abre o traballo e que serviu de presentación/adianto co seu videoclip, resulta xa unha boa declaración de intencións da banda, na que espreme o seu son rockeiro en contraste coas partes mais lentas nas que pesa a letra. Seguemos subindo revolucións con Encadeados no portal, tema con aire Nu Metal/Thrash e contido cru, moi emotivo, como todo o disco. A loita continúa en Voltaremos, clásico tema rockeiro coa temática da rebeldía e os dobres sentidos que incita a revelarse contra o sistema e percorrer o camiño propio indo de fronte. Termina este primeiro “Soñar” con Bonito funeral, no que fan un fermoso retrato sobre a clase dirixente, prometendo ir a bailar sobre as súas tumbas (de aí o de funeral).
.

E ate aquí os primeiros 4 cortes do novo traballo de Nao, como podemos ver a sátira social e a exaltación contra a política son a temática dominante, aínda que tamén hai oco para falar sobre a diversidade sexual e para cortes mais íntimos coma o primeiro single.

Vexamos que nos ofrece Crear.

O traballo comeza con Garate, unha intro suave de arpexos limpos (característicos de este novo son que presenta NAO) que remata subindo tensión para nos meter no terreo na distorsión e enganchar con Feminino Plural, un tema menos metaleiro e que varía a sua temática habitual para se meter no campo do feminismo, facendo unha homenaxe ás mulleres que cambian a historia recente de cara a igualdade sexual. Tema no que se inclúen coros con voces femininas que lle sentan ben á banda e que deberían incluír en mais futuros traballos. Pega.
O disco segue con Sacrificio, tema que sorprende, non polo seu contido senón pola musicalidade, entrando en terreos de funk e pop, que tampouco lle sentan nada mal ó grupo e ó conxunto do disco. Serve de entrada a un tema tranquilo “Coma irmáns” un dos mais emotivos do disco e que xa escoitaramos no seu videoclip, un tema mais básico (mais acústico, máis puro) con instrumentos de raíz e un aire a calor de fogar moi marcado, pero sen se arredar moito do seu espírito combativo.
O traballo remata con Somos Río, onde Nao voltan a sua onda metaleira mais recoñecible (exceptuando a parte na que cantan en Vasco, que aí poderían ser calquera outra cousa), un tema moi bailable e pegadizo, no que toda a banda ten moita presenza e supón un final meteórica para o seu novo traballo.
.

Dous discos para un total de nove temas. Un bon son en xeral e unha grande melloría no traballo instrumental, sendo este moito mais rico, interesante e variado que en traballos anteriores. Se cadra Soñar un pouco mais predecible e fiel ó NAO de sempre. A min persoalmente, gústame moito mais Crear, que ten un ritmo perfecto e cheo de variedade e entretemento sen perder o seu punto NAO en ningún momento. Quizáis en algunhas partes a voz queda un pouco en segundo plano en algún dos cortes, sendo esta perfecta nos momentos dos coros para apreciar o contido literario de estes dous traballos que nos regala NAO na súa páxina web totalmente de balde.

AÑADIR COMENTARIO