Rechinar de dentes e rasgar de vestiduras contra Sés

Rechinar de dentes e rasgar de vestiduras contra Sés

, 21 de agosto de 2016

Cousas, veredes. A ver, que hai que entender as cousas no seu contexto e comprender a verdadeira dimensión da nova, do que a escribe, o que a lee, e o que paga para que a escriban. Que nós non somos moito de meternos en política, para iso está a prensa “seria”, pero ás veces esa prensa mete a pata e cheira mal, e desta vez tocoulle a Sés. (Foto do Facebook de Sés, o concerto nas festas de Ourense, Concello gobernado polo Partido Popular, por certo)

Titular da Noticia: El concierto de Sés provoca gran indignación en Mondariz. El ‘mitin’ de la cantante en defensa de independentistas gallegos enfadó al público.
Contexto: Festa a Arrincadeira. Concello de Mondaríz. Gobernado por Alternativa por Mondaríz co apoio do PSOE. Na oposición o Partido Popular.
Medio: Atlántico Diario, La Región.
O que pasou: Que Sés no seu concerto en Mondaríz fixo o seu discurso contra o goberno, o PP, os presos políticos galegos, etc…, o discurso de sempre, e os edís do PP aproveitaron para indignarse e montar en cólera contra o concello.
Análise: Que a noticia é de Atlántico Diario e La Región xa da que pensar, que viven de subvencións e non hai que morder a man que te da de comer. Así que si o PP se indigna hai que contalo. A cousa cheira, porque por exemplo nas Festas de Ourense, pagadas polo concello de Ourense que é do PP, tocou Sés na Praza Maior, soltou o seu discurso político e non pasou nada. Non vín ós concelleiros do PP indignados polo discurso pagado con fondos do concello. Será que son da ala máis tolerante do PP, eu que sei.
Por outra banda a noticia é divertida: “No han sido ni uno ni dos, sino muchos más los vecinos que se han dirigido a este diario para mostrar su ‘gran indignación’ por lo sucedido en el concierto de Sés, la noche del domingo, 14 de agosto, dentro del programa de las Fiestas de San Roque. Mondaricenses, en su gran mayoría residentes fuera del municipio, que cada año aprovechan el verano para volver a su pueblo y disfrutar de las fiestas patronales. En vez de eso “nos han insultado con dinero del Concello que es de todos”, expresaban.” ¿Que quere dicir? Que non foron nin un nin dous, ¿serían tres? Porque a praza en Mondariz estaba chea ó remate do concerto. ¿Que non eran do municipio, que viñan de fora? Entón non pagan o concerto, se non lles gusta que non vaian. ¿Que se lles insulta con diñeiro público que é de todos? Claro, con eses mesmos cartos un día ven Sés e outro a Narís de Poia, e cada un que vaia ver o que lle guste.
Si que parece que nos metemos en política, pero non é así. Igual que cando cantan Poetarras contra o PP, ou as mozas de Klitosoviet contra o machismo, ou Terbutalina nomeando a Rajoy e Conde-Roa, ou Def Con Dos e os xuízos nos que está metido o seu cantante, ou o caso dos titiriteiros e a Audiencia Nacional. Liberdade de Expresión. É a clave. Sabes que Sés vai dar ese discurso, se non te gusta non vaias, pero non se pode protestar cando unha artista expresa ás súas ideas políticas, porque todo o mundo as ten e ten dereito a expresalas. Se non te gusta isto sempre podes ir ver á orquestra tocando Chaquito El Pacolatero, que é máis do teu estilo, ou ó Cuco de Velle tocando o paraugas do Xosé.

tronzar_os_valos__large

E xa para rematar a análise político-artística, hai que contar unha cousa. Chámase lei antiterrorista e ten cousas boas e cousas malas. O malo é que unha mesma situación pode ser interpretada. Por exemplo, un tipo mete gasolina e lume a un caixeiro dun banco i é un delito contra a propiedade, con multa e pena menor, que nin entra no cárcere. Pero se mentres lle mete lume grita Gora Eta! é terrorismo e son cinco anos na cadea. ¿Eso podería interpretarse como preso político?…Ou o caso dos titiriteiros, que un xogo de palabras rematado en ETA fixo intervir á Audiencia Nacional. ¿En serio está o país tan perturbado?….Eu pregunto, que son un iletrado. Ademais estou tratando de conseguir unha comandancia no Partido Froilanista e teño que aprender rápido as reviravoltas da lei. ….Pegueime un tiro no pé, no pé, no pé, no puto pé……

AÑADIR COMENTARIO