reStart, de Olga Osorio. Ciencia ficción intelixente

reStart, de Olga Osorio. Ciencia ficción intelixente

, 22 de agosto de 2016

Pódese viaxar no tempo? Cambiaría iso o noso presente ou crearía unha nova liña temporal? Viaxamos no tempo coa Curta reStart, de Olga Osorio tras o seu exitoso paso por festivais.

A historia de reStart comeza cun suceso tráxico acompañado de acordes menores de piano para elevar o seu dramatismo. Unha rapaza (Marta Larralde) é secuestrada e encerrada nun búnker contra a sua vontade sen aparente motivo; non recibe explicacións ne ningún tipo de interacción con outras persoas.
Afastada do mundo, do tempo e do espazo, pasados uns días comeza a viaxar no tempo ó día no que foi secuestrada, véndose a si mesma dende fora e sen poder evitar o suceso que comeza este dramático bucle temporal no que se ve metida.
As viaxes a ese momento repítense unha e outra vez, sen saber se son reais ou produto da imaxinación da protagonista, ata que decide pasar a acción e intentar evitar volver a caer no mesmo, sexa cal sexa o resultado final, empregando todas as armas que ten a sua disposición.

Moitos son os autores que falan de paradoxas temporais, dende Asimov a Stephen King, pasando por Michel Crichton, H.G. Wells… Cada un da a sua visión particular con maior ou menor rigor científico, pero unha das máximas que para min son indiscutibles é a de que o tempo “deféndese”; góstalle permanecer inalterado, tal e como se concibiu a “primeira vez”. O problema ven en que cada vez que alteras a realidade creas unha nova liña temporal que vive paralela á orixinal, polo que cada vez que viaxas no tempo e voltas reseteas os cambios e todo volve a ser igual que antes de partir. Pero isto é ciencia ficción, e cada autor pódese expresar e crear libremente; eu son moi fan de “Regreso ó futuro” e aí cambian o presente e o futuro como quen muda de calcetíns.

Olga Osorio consegue crear esa atmosfera propia do cine de ciencia ficción actual lembrándonos a ambientación de clásicos actuais como Orixen (2010) ou Gattaca (1997) onde os efectos especiais pasan a un plano secundario deixando á imaxinación e o desenrolo do argumento todo o protagonismo. Acompañado dun apartado técnico notable na montaxe e fotografía, reStart consegue sementar a dúbida e o interese no espectador, que se verá identificado coa protagonista e o seu estado de estupor ante o que lle está acontecendo.

.

Trailer de reStart from Olga Osorio on Vimeo.

¿Conseguirá saír do bucle temporal no que se ve atrapada? ¿Deixarase levar polo experimento e se renderá ante as adversidades? ¿Atopará un xeito de escapar do Búnker e pedir axuda? ¿Espertará da sua fantasía descubrindo que todo era un pesadelo? Poderédelo saber esta fin de semana, por exemplo, no FanCine de Lemos, onde será proxectada entre os días 25 e 28 de agosto, ou seguir as novidades da cinta nas redes sociais da película.

AÑADIR COMENTARIO