Nós: cervexa con ADN galego

Nós: cervexa con ADN galego

, 14 de septiembre de 2016

Tras gañar o certame internacional Ibeerian Awards 2016 achegámonos á Cervexería Nós a coñecer de primeira man o segredo que os levou a triunfar coma unha das cervexas artesás máis valoradas a nivel ibérico (coma o xamón).

Cervexa. Din que é a bebida mais antiga da humanidade (inventárona os sumerios) e acompañounos en toda a nosa historia. De feito, cervexa é unha palabra de orixe celta (coma sempre poñendo nome as mellores cousas da vida).

Chegou a ser tan importante que quen a controlaba formou algún dos gremios mais poderosos da historia. Por sorte, hoxe en día desfrutamos de moreas de marcas, estilos, variedades… Hoxe vámosvos falar dunha das mais importantes cervexas artesanais de Galicia: Nós.

Tras este nome tan galego e, porque non dicilo, tan molón (curto, doado de lembrar e de dicir…) está o proxecto que, hai dous anos comezou Raúl que, levado polo seu hobby de facer birra na casa, deixou o seu traballo (non hai dor) e montou unha pequena fábrica xunta o seu amigo Xulio (que de seguido se enganchou nesta aventura).

Daquelas facían 2,000 litros ó mes e soamente unha variedade, a Nós Orixinal; que deu paso ó estrelado da cervexa artesanal: 5 variedades de cervexa, 7,000 litros por mes, 3 locais, 2 distribuidoras, varios premios i en aumento.

Todo isto baixo a lenda Sabor Artesanal Galego. ¿En que consiste? 95% de materia prima galega (a auga, superimportantísima, e todos sabemos que a auga de aquí está boísima) e o mais importante; man de obra galega e amor galego (Galicia is different, My friend). Das 12 persoas que forman Nós, só 2 adícanse a elaborar as 5 variedades de cervexa (o resto atenderanvos nas súas cervexerías): Nós Orixinal, Viuva Negra, Loira, Fox IPA e IPA Extrahops… Para todos os gustos ¿non si? (aínda que tamén habería que engadir a estacionaria Galifornia); dispoñibles en botella (excepto a Loira) i en barril. Probar calquera de elas en barril é unha delicia. Se tendes oportunidade non o dubidedes (ou será demasiado tarde, muahahaha).

galifornia

 

Falando con eles dinnos que o mellor aínda está por chegar xa que andan a argallar novas variedades (e mellorando as actuais) no seu departamento de I+B (investigación e bebercio) co kit orixinal co que Raúl elaboraba as súas receitas caseiras. Proximamente trasladaranse a unha fábrica maior coa ilusión que lles caracteriza, procurando de este xeito satisfacer a crecente cultura cervexeira, que se está a vivir nestas agrestes terras de Breogán (e que ninguén gaña a un galego bebendo).

Deixámosvos unha ligazón a sua web para que votedes unha ollada ó seu traballo e lles fagades unha visita se vos gosta isto da cervexa artesanal. Seguro que hai un “Nós” preto de ti.

AÑADIR COMENTARIO